NOTICIAS

Crónica del Alondras CF & CD Ribadumia por Sheila Lorenzo

Noticias Alondras

Redactor: Antiguo - Fecha 07/12/2016 08:11:49

ALONDRAS E RIBADUMIA NON PASAN DO EMPATE

Os paus do Ribadunia e as lesións do Alondras protagonizan o encontro

 06/12/2016

Disputábase a décimo sétima xornada da Terceira División entre o Alondras CF e o Ribadumia, dous equipos con necesidade de levarse a vitoria pois ambos afrontaban o encontro na zona media baixa da táboa, separados por cinco puntos na clasificación, aínda que a situación era máis crítica para os de Cangas pola mala xeira de resultados e a cantidade de baixas que arrastraban. Ao comezo do primeiro tempo vimos ao equipo dirixido por José Manuel Duarte levando algo máis a iniciativa con algunhas chegadas, especialmente pola banda esquerda. No 22 tivo a primeira clara o conxunto local cun tiro cruzado de Mauro dende fóra do área que saíu pola dereita da porta de Manu Táboas. Tan só oito minutos máis tarde tivo o Ribadumia a máis clara do encontro, cun testarazo de Mou ao pau que se paseou pola liña de gol e pegou no outro pau da porta de Martín. Nese momento o Ribadumia xa dera un pasiño adiante e comezaron os minutos de máxima igualdade no terreo de xogo, no que tan só faltou que se materializara algunha das ocasións por parte de ambos conxuntos. Como no 39, cando outra vez Mauro, un dos mellores polos locais, estivo a piques de adiantar aos seus cun remate que sacou un defensa de cabeza na liña de gol. A piques de cumprirse o 45, Anxo de falta directa estrellou o balón, outra vez, no pau da porta de Martín, deixando o marcador cun 0-0 ao descanso. No segundo acto vimos como eran os locais os que saltaban ao terreo de xogo moito máis incisivos e levando máis a iniciativa no xogo e no 48 un tiro potente de Champi dende a media lúa marchoulle lixeiramente desviado. No 69 o Ribadumia, por cuarta vez, atopouse co pau, tras un lanzamento de falta dende a dereita que lle pegou no traveseiro. O Alondras seguía a intentalo e seguía a roldar a porta defendida por Manu Táboas, pero non eran quen de materializar. No 83, tras unha falta de Mauro a Bugallo quedan os dous tendidos no terreo de xogo e o colexiado amósalle tarxeta vermella ao xogador local pola entrada.  O feito de afrontar o treito final do encontro en inferioridade fixo que o Alondras quedara algo desdibuxado o que propiciou certas xogadas de perigo por parte do Ribadumia que a piques estivo de levarse o encontro nos derradeiros minutos de non ser polo acerto de Martín, pero finalmente empate sen goles que non satisfai a ninguén. Tras este empate o Alondras suma 18 puntos e queda na décimo cuarta posición, mentres que o Ribadumia é undécimo con 23. Na vindeira xornada o Alondras visitará o Céltiga e pola contra o Verín recibe ao Castro. FICHA TÉCNICA: ALONDRAS CF: Martín, Casti, Carminati, Abel, Rubén Comesaña, Borja (Fondevila, min 59), Tubo, Álex Gómez, Mauro, Champi, Yerai (Joni, min 14 (Viñas, min 77)). CD RIBADUMIA: Manu Táboas, Pacheco, Anxo, Bugallo, Iago, Jony, Hugo, Gabi (Agus, min 70), Mou, Camiño, Fandiño (Ander, min 85). ÁRBITRO: García Lesta, auxiliado por Miñan Fernández e Pastoriza Delgado do colexio de Pontevedra. Amonestou a Casti e Tubo polo Alondras e a Gabi e Mou por parte do Ribadumia. Expulsou con vermella directa a Mauro. INCIDENCIAS: Antes de comezar o encontro houbo unha tirada de globos blanquivermellos por mor do 88 aniversario do Alondras CF. CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.  

Sheila Lorenzo

Xefa de Prensa Alondras CF

Compartir en Facebook
 

Contacto

Alondras CF.


Teléfono: 986 300 220
Fax: 986 191 119
Email: alondras@alondrascf.com

Política privacidad