20 Noviembre, Día internacional de los derechos de niños y niñas
Noticias Alondras
Redactor: Antiguo - Fecha 18/11/2016 09:33:45
OS RESCATADORES DE SORRISOS (MANIFESTO ARELA*, novembro 2016)
Cando nacemos a lotería da vida reparte números á toa, sen reparar demasiado no boleto que lle entrega a cadaquén. O primeiro día todos nacemos co mesmo pulo: o de chorar na procura de alimento, calor e compañía. A partires de ese momento a cousa empeza a se complicar.Hai nenos con boleto gañador que crecen como boliños doces, desexados e ledos, rebuldeiros e exploradores, seducidos pola maxia da vida, aguilloados co impulso irrefreable da curiosidade; outros, en troques, nin a “pedrea” teñen, e topan coa vida silandeiros e serios, como estrañados de tanta loucura, mudas testemuñas da laceira humana; estes nenos crecen acubillados e medrosos, cargados de débedas anticipadas ou herdos imposibles sobre os seus pequenos ombreiros. Unha das cousas máis difíciles na vida é quitarlle o sorriso a un neno. Precísase moito esforzo, moito empeño e unha auténtica morea de odio e soidade para conseguir que un neno deixe de rir. Debe existir en algures un sitio estraño e poeirento onde van parar todos os sorrisos perdidos. Pero hai outra cousa que aínda é moito máis difícil: devolverllo. E só uns poucos heroes son capaces de ir na procura deses sorrisos para entregarllos de volta aos seus lexítimos donos. Heroes anónimos e afoutos que non son quen de mirar para outro lado cando escoitan o silencio triste dun cativo. Equivócase quen pense que os nenos queren xoguetes: o que queren e alguén con quen xogar; os nenos non queren balóns, senón un equipo do que sentirse parte; non desexan moitos libros, basta con que lles conten un conto. Ese é o segredo que esquecemos cando medramos. Esa é a raíz na que agrelamos. A cerna que nos fai fortes e felices. Hoxe e o día dos Dereitos da Infancia. Hoxe é o día no que reivindicamos o dereito de todos os nenos e nenas a crecer a carón de quen os ame e os respecte. Hoxe é o día no que lembramos a necesidade de baixar a sotos escuros a rescatar sorrisos.
*Manifesto elaborado por Manuel Esteban e ofrecido como agasallo á Asociación ARELA con motivo do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas.
Compartir en Facebook